jueves, 22 de noviembre de 2012

Cando en España non existía aínda a radiofórmula había tres ou catro comunicadores que exercían un labor pedagóxico cos oíntes naquel  ermo musical que era España. Raúl Matas, Anxo Álvarez  e Juan María Mantilla son para min os símbolos daquela época. Entre eles creo que mención á parte  merece Juan María Mantilla, que foi inxustamente esquecido nas crónicas da época, e o seu arquivo sonoro non foi reivindicado como se merece. Talvez no seu Santander natal aínda teñan na súa fonoteca algún dos seus recordos musicais. Eu, ademais de gozar dos seus programas: Club de Jazz, Mirando hacia atrás con música, ou a saga de Discoteca 66, 67, 68… en Radio Nacional,  tiven o privilexio de gozar da súa amizade grazas á mediación de Javier de Castro. Nós estabamos, como xa contei noutras entradas deste blog, no Colexio Maior Fonseca de Santiago e unha das nosas citas ineludibles das tardes era o seu programa de música. Hoxe en día calquera programa que se preze pide aos seus seguidores que opinen no facebook ou en twitter,  el fomentaba a nosa participación con agasallos de discos promocionais ás mellores apuntamentos ou comentarios das novidades. Nos envíos de achegas persoais eramos asiduos tanto Javier como min, e debo confesar que ademais nos levamos bastantes daqueles agasallos. (Especial ilusión fíxome unha caricatura dedicada enviada por Luís Eduardo Aute como agradecemento a unha das miñas opinións sobre o seu disco). A partir desas participacións Juan María Mantilla sentiu curiosidade e entrou en contacto, por teléfono,  connosco. Frecuentemente recordo con nostalxia aqueles días de longas charlas coa boa música como tema. Era tal a súa ilusión e interese coas nosas conversacións e  achegas ao programa  que chegou a afirmar na súa colaboración semanal do dominical do diario Xa de Madrid que no noso Colexio Maior atopábase o grupo de persoas que máis entendían de música en España (o que obviamente era unha esaxeración). El naquelas charlas, intentaba fomentar a nosa admiración polos clásicos do blues ou o jazz e ás nosas citas acudían puntualmente as alusións aos vellos bluesman como Leadbelly, John Lee Hoocker, Sonny Boy Williamson, Muddy Waters e tantos outros. Naturalmente non podían faltar os comentarios sobre as novas tendencias do blues e o R&B branco e  o seu auxe no Reino Unido con frecuentes mencións, loxicamente, a John Mayall .


No hay comentarios:

Publicar un comentario